Friday 26 de April de 2024

Abre ao público ‘María Casares, actriz océano’, unha grande exposición no Quiosco Alfonso que recupera a historia de actriz coruñesa


Inés Rey: “É a maior mostra feita sobre a actriz ata o momento e supón a volta da súa memoria á cidade”

A mostra é o acto central do Ano Internacional María Casares e contará con máis de 20 actividades complementarias, como visitas guiadas teatralizadas ou presentacións literarias

O Quiosco Alfonso acolle desde hoxe a exposición ‘María Casares, actriz océano. Itinerario vital dunha exiliada’. Trátase da primeira mostra retrospectiva realizada sobre a actriz de orixe coruñés e o acto central do Ano Internacional María Casares, organizado polo Concello para conmemorar o centenario do seu nacemento.

A alcaldesa, Inés Rey, participou no acto xunto á comisaria da exposición, María Lopo, e o familiar de María Casares, Michel Casares, que onte formalizou a doazón á cidade de 282 obxectos da colección persoal da actriz. “Esta é a maior mostra feita ata o momento sobre a actriz de orixe coruñés. Trátase da volta da súa memoria á cidade e a grande oportunidade dos nosos veciños e veciñas de coñecer máis en profundidade quen foi esta importantísima muller”, sinalou Inés Rey.

A exposición ‘María Casares, actriz océano’ contén máis de 200 pezas e fotografías que trazan unha cronoloxía da vida da actriz, desde o seu nacemento na Coruña ao seu éxito como actriz no exilio francés, pasando pola súa etapa en Madrid e a súa formación en distintos momentos. A mostra conta tamén con catro traxes orixinais utilizados por María Casares e os libros recuperados da biblioteca persoal de Santiago Casares Quiroga, pai da actriz, doados pola súa familia ao Concello.

A mostra, de carácter divulgativo, concíbese como un achegamento integral á figura de María Casares a través de materiais de arquivo persoais e coleccións prestadas por 25 entidades diferentes. En palabras da comisaria, María Lopo, o seu obxectivo é dobre: homenaxear a unha das creadoras europeas imprescindibles do século XX e contribuír a descubrir e a recuperar a través da súa personalidade excepcional a memoria do exilio republicano. María Casares sempre recoñeceu que o seu primeiro e máis doloroso exilio foi marchar da súa Coruña natal. Este 2022 queremos que toda a cidadanía coñeza quen foi esta gran actriz. Queremos reivindicar a súa orixe a través de diferentes actividades de gran formato”, apuntou Inés Rey.

Actividades dinamizadoras
A exposición é de entrada libre e estará dispoñible ata o 25 de xullo no Quiosco Alfonso. Desde o Concello promóvese un calendario con máis de 20 actividades dinamizadoras, que van desde visitas guiadas teatralizadas á gravación dun podcast sobre a actriz, todas elas celebradas no Quiosco.

Haberá un total de cinco sesións de diálogos teatralizados (26 de maio, 9 e 16 de xuño e 7 e 21 de xullo ás 19.00 horas), que consisten nunha dramatización do club de Teatro Lido da biblioteca da Sagrada Familia. Reproduciranse tres momentos vitais da actriz: a súa infancia, as cartas entre María e Santiago Casares e unha entrevista nos seus últimos anos.

Por outra banda, os días 7 e 8 de xuño ás 19.00 horas está prevista a celebración de lecturas en francés de ‘Résidente privilégiée’. Trátase de lecturas públicas desta autobiografía en colaboración coa Alliance Française da Coruña. Os días 5, 12 e 19 de xullo gravarase o podcast ‘Autobiografía de María Casares’, no que se lerán 10 fragmentos das memorias da actriz por distintas compañeiras de profesión.

Haberá, ademais, dez visitas guiadas teatralizadas para público xeral e grupos concertados e unha visita guiada pola comisaria da mostra, María Lopo. Serán o 14, 18, 25 e 28 de maio, o 4, 11 e 25 de xuño e o 6, 13 e 20 de xullo. Serán para un máximo de 15 persoas por grupo e comezarán ás 19.00 horas. A figura de María Casares será interpretada pola actriz Sabela Hermida. A visita guiada con María Lopo será o 18 de xuño ás 19.00 horas. Será preciso reservar a participación nestas actividades.

Por último, celebrarase no Quiosco Alfonso a presentación de tres obras literarias sobre María Casares. A primeira delas será o 19 de maio ás 19.00 horas. Trátase de ‘María Casares. A impaciencia por vivir’, de María Canosa e Bea Gregores, editado por Bululú. A segunda será o 24 de maio e trátase de ‘Despois das ondas’, libro asinado por Ernesto Is e editado por Galaxia. A última presentación será a de ‘María Casares. Biografía’, de Arancha Estévez (Aira Editorial), cuxa data, prevista para xuño, aínda está por anunciar.

Ano Internacional María Casares
A mostra ‘María Casares, actriz océano’ é o eixo central do Ano Internacional María Casares. Esta iniciativa do Concello da Coruña xorde coa intención de identificar á actriz coa súa cidade natal, mais tamén co obxectivo de recuperar a memoria do exilio coruñés, situar A Coruña en Francia a través da súa figura, visibilizala como a muller independente que foi e amosar a cultura como un ben común. María Casares, nada na cidade en 1922, marchou da Coruña a Madrid con só oito anos, para despois exiliarse en Francia, onde chega a ser a gran dama do teatro francés do século XX. Foi unha referencia das vangardas artísticas e un exemplo de compromiso ético, político e social.

Entre os actos que se celebran, ademais desta mostra, destacan a creación dunha biografía en banda deseñada, unha exposición itinerante polas bibliotecas municipais, unha ruta urbana, visitas teatralizadas no Teatro Colón, un documental e un encontro internacional.

Toda a información poderá consultarse a través da páxina web coruna.gal/mariacasares.